O 31 de marzo botará a andar o Startup Congress Galicia
venres, 25 de marzo do 2022
O Consorcio Zona Franca de Vigo será a sede deste ano do Startup
Congress Galicia, que se celebrará os días 31 de marzo e 1 de
abril. Este é o maior evento en Galicia que acollerá a todas as
aceleradoras galegas e a máis de 50 fondos de inversión, cun amplo
programa de charlas e mesas redondas, salas con relatorios, mesas de
debate e presentacións a investidores. O
delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, presentou o evento
xunto con Lalo García, director executivo de Hubin; e Frankie Gómez,
director executivo de Confirmsing.
Regades mostrou a súa satisfacción con que a Zona
Franca sexa a sede este ano do evento e que Vigo se converta
durante dous días no centro de reunión das startups
de toda España. As actividades comezarán o vindeiro xoves 31
con varias mesas onde se analizará o futuro da industria, do
comercio ao detalle, do deporte, da banca... e estarán, entre
outras, empresas como Estrella Galicia, Zelnova, Abanca, Marsan, así
como os clubes Celta, Obradoiro e Deportivo. Ese mesmo xoves tamén
haberá varias presentacións de fondos, mesas de inversores,
presentacións de proxectos en busca de inversión, obradoiros,
etc. O venres 1 de abril haberá varias clases maxistrais con
emprendedores de éxito como Hugo Arévalo, “o rei Midas do
emprendemento español”; con JobTalent e ThepowerMBA, que conta
cunha carteira que superou as 30 compañías, entre as que se atopan
Cabify ou Glovo. Tamén estarán no evento algunhas aceleradoras (Vía
Galicia, BFAero, Celta Labs, Abanca Innova, etc), que presentarán as
súas mellores empresas aceleradas aos investidores.
O evento conta con prazas limitadas para a asistencia presencial,
pero retransmitirase a través de diversas canles de streaming.
Para poder acceder aos contidos será necesario acreditarse na
web de Laconnetwork.