Nucleus propón un intercomunicador en liña para o ámbito doméstico

xoves, 4 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Nun momento no que estamos afeitos a entender a conectividade como algo persoal, dende a empresa norteamericana Nucleus entenderon que podía ser interesante devolver tal concepto ao fogar, e comezaron a comercializar un intercomunicador de audio e vídeo que gaña valor integrando a tecnoloxía de Alexa (Amazon) e podendo empregarse tanto para establecer comunicación con outros trebellos con iOS ou Android que teñan a aplicación de Nucleus instalada (integrando un sistema de control paterno para que só poidan establecerse comunicacións con interlocutores aprobados), así como operar a xeito de asistente persoal.
Poderiamos definir Nucleus como unha tableta con Alexa, que pode servir para falar dunha habitación a outra, de fogar a fogar, de móbil a fogar... sempre coa vista posta na familia, que xa se vende nos EE.UU. solto por 249 dólares, aínda que ao pedir 2 ou 3 unidades o prezo quedaría en 199 dólares (179 euros). Pero a grande diferenza de Nucleus coas tabletas é que non está pensado para un uso persoal, senón que podemos colocalo na parede e comunicarnos con el falando directamente, ou tamén podemos colocalo sobre unha mesa, xa que conta tanto con conectividade Ethernet como Wi-Fi N, e a nivel de hardware podemos detallar que loce unha pantalla IPS de 8 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, altofalantes estéreo e cámara de 5 Mpíxeles con grande angular. Así pois non é un hardware revolucionario, senón que o que muda e a súa orientación, xa que está pensado para empregarse en localizacións fixas, para facilitar a comunicación entre espazos, en vez de entre persoas, o que pode ter certo sentido cando hai cativos na casa (que aínda non teñen smartphone) aínda que non parece que vaia ser un produto dunha elevada demanda, especialmente se temos en conta o seu prezo.

Vídeo promocional do sistema de intercomunicación de Nucleus

PUBLICIDADE