Nucleus 7, un procesador de son para implantes cocleares compatible co iPhone

mércores, 25 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Os implantes cocleares son un grande avance para moitas persoas con problemas auditivos, pero teñen problemas para coexistir con algúns dispositivos electrónicos, de aí que non falten os que estean entusiasmados polo feito de que Cochlear presente o procesador de son Nucleus 7, o primeiro procesador para implantes cocleares deseñado para o iPhone (certificado por Apple) de xeito que os seus usuarios poden empregar o seu teléfono para axustar as condicións da súa escoita grazas a unha aplicación móbil que permite cambiar programas no procesador de son e activar a transmisión sen fíos.
Coa aplicación Nucleus Smart o usuario pode definir axustes de volume, agudos/grave e sensibilidade do procesador Nucleus 7, axustar o volume dos dispositivos Cochlear True Wireless, localizar o procesador no caso de perderse e incluso ver o estado e o nivel de batería do procesador, converténdose nunha atractiva ferramenta para usuarios de dispositivos con iOS que precisen dun implante coclear.
Con Nucleus 7 non só pode empregarse o iPhone para o seu control, senón que tamén pode beneficiarse do feito de que as chamadas de teléfono, o vídeo e a música poden transmitirse directamente ao procesador de son, conseguindo así unha experiencia moi completa, e facilitando a superación de moitos dos atrancos que supoñen as dificultades auditivas para levar unha vida normal no mundo moderno.

Coa aplicación móbil Nucleus Smart pode xestionarse o procesador do implante coclear

Vídeo promocional do procesador Nucleus 7

PUBLICIDADE