Novos teléfonos de gamas media e baixa de Motorola

venres, 20 de abril do 2018 Marcus Fernández

Motorola continúa na súa senda caracterizada por comercializar smartphones cunha magnífica relación calidade-prezo que ofrecen unha experiencia de uso moi optimizada, especialmente por incluír versións de Android moi limpas e con actualizacións frecuentes, o que convértese en toda unha garantía para os seus fieis usuarios.
Para manter a competitividade do seu catálogo está a renovar os seus terminais que poderiamos definir como de gama media e baixa, que serían as liñas Moto G e Moto E respectivamente.

Novos Moto G

O novo Moto G6 Plus é un teléfono con pantalla IPS Full HD+ de 5,9 polgadas cunha relación de aspecto 18:9, e que pretende gañarse aos usuarios cunha cámara traseira dual de 12 e 5 Mpíxeles con tecnoloxía Dual Autofocus Pixel e apertura f/1.7, capaz de disparar fotografías bastante boas con pouca luz, aplicar o cada vez máis popular efecto de enfoque selectivo e incluso empregar filtros como converter partes da imaxe en branco e negro para destacar as cores dunha persoa ou obxecto ou dunha cor en concreto.
O teléfono funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 630 a 2,2 GHz, 4/6 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de até 128 GB), lector de pegadas dixital, radio FM, tecnoloxía de desbloqueo facial e batería de 3.200 mAh (que promete autonomía para todo o día) con carga rápida por USB-C. Chegará en breve a Europa a un prezo de 299 euros.
Adicionalmente tamén teremos o Moto G6, que reduce a súa pantalla até as 5,7 polgadas e limita un chisco as súas especificacións (confórmase con 3/4 GB de RAM, 32/64 GB de almacenamento e batería de 3.000 mAh), e o Moto G6 Play, que aínda baixa máis a súa potencia (queda en 2/3 GB de RAM e 16/32 GB de almacenamento, aínda que en contraste a súa batería é de 4.000 mAh) e prescinde da cámara dual, o que permítelle ter un prezo máis competitivo, de xeito que cada un destes smartphones custaría dende 249 e 199 dólares respectivamente.

Novos Moto E

Pero a gama que aspira a ser de entrada, desta volta é bastante interesante, especialmente co Moto E5 Plus, que ten unha pantalla de 6 polgadas e cámara de 12 Mpíxeles con enfoque automático láser, pero que destaca especialmente pola súa batería de 5.000 mAh que promete día e medio de autonomía (contando tamén con carga rápida que achega autonomía para até 6 horas de uso con só 15 minutos de carga).
Este smartphone é bastante modesto, cunha pantalla HD+, 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento ampliable, pero ofrecendo unha experiencia de uso magnífica se temos en conta que o seu prezo en Europa partirá dos 169 euros.
Algo máis barato será o Moto E5, que custará 149 euros e reducirá a súa pantalla até as 5,7 polgadas, a capacidade a 2 GB de RAM e 16 GB de almacenamento e a súa batería a 4.000 mAh; e logo xa teríamos o Moto E5 Play, cunha pantalla de 5,2 polgadas, cámara traseira de 8 Mpíxeles e batería de 2.800 mAh, compromisos que permitirán que este terminal sexa aínda máis asumible, aínda que polo momento non se detallou o seu prezo de venda.

PUBLICIDADE