Novos ordenadores Mac Pro e monitores Pro Display 6K

luns, 3 de xuño do 2019 Marcus Fernández

En 2013 Apple renovou profundamente os seus Mac Pro dun xeito tan radical que o produto era practicamente irrepetible, de xeito que durante anos o ordenador de escritorio para profesionais da compañía da mazá quedou no limbo, tendo que saír a compañía a declarar que habería que redeseñar estes equipos dende cero, e máis de dous anos despois por fin temos o resultado deste traballo: novos Mac Pro que poderán reservarse a partires do outono e, como sorpresa, chegarán acompañados por un monitor profesional de moi alta gama.
O novo Mac Pro é unha estación de traballo deseñada para un grande nivel de rendemento, posibilidades de ampliación e opcións de configuración que permiten que poida equiparse con procesadores Intel Xeon de até 28 núcleos, até 1,5 TB de memoria de alto rendemento, 8 rañuras de ampliación PCIe e a arquitectura gráfica máis potente do mercado (á que pode sumarse unha innovadora tarxetas aceleradora Afterburner capaz de reproducir 3 secuencias de vídeo RAW ProRes 8K á vez). A súa carcasa modular facilita un acceso a todo o sistema sen obstáculos, e as súas asas tamén fan doado o seu transporte, aínda que tamén estaría dispoñible unha versión que en vez de formato de torre adoptará unha disposición compatible con racks.
A pantalla Pro Display 6K é un monitor profesional de 32 polgadas con resolución Retina 6K (6.016 x 3.384 píxeles)¸ con grandes niveis de brillo e contraste, así como cun ángulo de visión moi amplo e un recubrimento para evitar os reflexos. A pantalla ten un marco de só 9 milímetros e unha carcasa de aluminio, á que tanto pode conectarse un adaptador VESA (para instalar o monitor en numerosos soportes dispoñibles) como a un Pro Stand, soporte que facilita a inclinación e o xiro da pantalla.
Aínda que resulta innegable a grande potencia destes equipos, cómpre salientar que están dirixidos a un público profesional, polo que os seus prezos están moi afastados do habitual, partindo os Mac Pro dos 5.999 dólares e os monitores dos 4.999 dólares, sendo especialmente rechamante o feito de que o soporte para o monitor custe 999 dólares e o adaptador VESA 199 dólares.

Vídeo de presentación dos novos ordenadores e monitores profesionais de Apple

PUBLICIDADE