Novos móbiles de bq con pantallas de entre 4 e 6 polgadas

mércores, 21 de maio do 2014 Marcus Fernández

O fabricante español Bq continúa a coller forza no mercado da telefonía móbil, e reforza considerablemente o seu catálogo de smartphones coa súa nova familia de dispositivos Aquaris E, que van dende un terminal cunha pantalla de 4 polgadas por 129,90 euros ata un modelo con pantalla de 6 polgadas cun prezo de 299,90 euros, buscando así atender ás moi diferentes demandas dos consumidores.
Os novos Aquaris E están construídos nunha estrutura dunha aliaxe de magnesio e aluminio, conseguindo o equilibrio entre resistencia e levidade, mentres que a carcasa exterior é de policarbonatos de calidade, o que permítelles ter unha certa resistencia aos impactos. As súas pantallas IPS están fabricadas mediante a técnica de unión One Glass Solution (OGS), o que permítelles reducir o seu grosor; tamén incorporan unha capa Dragontrail para protexer a pantalla de rabuñaduras e, o brillo das súas pantallas pode chegar aos 380 cd/m2.
Outros detalles destacables serían a integración de son Dolby e de cámaras con sensores BSI, dobre flash e gravación de vídeo el Full HD. As cámaras traseiras oscilan entre os 8 e os 13 Mpíxeles, mentres que as frontais van dos 2 aos 5 Mpíxeles (máis que suficientes para as populares auto-fotos).
Estes smartphones funcionan con procesadores MediaTek de oito núcleos a 2 GHz nos dous modelos superiores, mentres que o resto limítanse a contar con procesadores de catro núcleos. En calquera caso funcionan con Android 4.4, son libres e soportan dúas tarxetas micro SIM, elemento que parece ter sido fundamental na adopción dos móbiles de Bq no mercado español.
O modelo máis básico da nova serie de Bq sería o Aquaris E4, con pantalla IPS de 4 polgadas cunha resolución de 480 x 800 píxeles, procesador de catro núcleos a 1,3 GHz, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno, cámaras de 2 e 8 Mpíxeles e batería de 1.700 mAh, que tería un prezo de só 129,90 euros. O Aquaris E4.5 elevaría a pantalla ata as 4,5 polgadas, o que permítelle elevar a súa resolución ata 540 x 960 píxeles e a batería ata 2.150 mAh deixando o seu prezo nuns moderados 149,90 euros. As súas cámaras sería de 5 e 8 Mpíxeles.
O bq Aquaris E5 non sería un único terminal, senón 3 modelos diferentes, todos con pantalla de 5 polgadas, con dous modelos básicos cunha resolución de 720 x 1.280 píxeles, procesador de catro núcleos, cámaras de 5 e 13 Mpíxeles e batería de 2.500 mAh, pero que chegarían con capacidades de 1 Gb de RAM e 8 Gb de almacenamento interno e 2 Gb de RAM e 16 Gb de almacenamento interno cuns prezos de 179,90 e 199,90 euros respectivamente; mentres que o modelo de alta gama contaría cunha pantalla Full HD, procesador de 8 núcleos a 2 GHz, 2 Gb de RAM e 16 Gb de almacenamento interno cun prezo de 249,90 euros.
O xigante da familia sería o bq Aquaris E6, con pantalla Full HD de 6 polgadas, procesador de 8 núcleos a 2 GHz, 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de 32 Gb, cámaras de 5 e 13 Mpíxeles e, como característica especialmente destacable, unha batería de 4.000 mAh. Unhas especificacións bastante elevadas para un terminal que pode adquirirse libre por 299,90 euros en tendas físicas.
Todos estes teléfonos chegarán ao mercado nos vindeiros días, podendo adquirise incluso a través dalgúns operadores de telefonía (algo bastante sorprendente, pois resulta pouco frecuente ver que as compañías de telefonía distribúan terminais dual SIM).

Os novo Aquaris E de Bq chegan en 4 tamaños de pantalla distintos


Vídeo de presentación dos novos smartphones bq Aquaris E

PUBLICIDADE