Novos auriculares para durmir con cancelación de ruído

luns, 16 de xuño do 2025 Marcus Fernández

Anker coa súa marca Soundcore ten no mercado varios auriculares orientados para usuarios que teñen problemas para conciliar o sono, como os básicos Sleep A10 (que buscan unha boa protección pasiva contra o ruído) e os máis modernos Sleep A20 (que tamén resultan práctico para realizar un seguimento do descanso ou para a empregar ruído branco para compor o sono nocturno). Pero agora a marca quere ir máis aló, e prepara os Sleep A30, que sería unha evolución dos seus auriculares para durmir, que incorporan cancelación de ruído activa para un mellor illamento acústico e incluso conta con tecnoloxía para camuflar os ronquidos.
Os Soundcore Sleep A30 veñen de estrearse en Kickstarter, onde teñen un prezo de entre 129 e 179 dólares, prevéndose a súa entrega aos mecenas no mes de agosto.
Os auriculares contan cunha autonomía de ata 9 horas por carga (que co estoxo de carga poden ampliarse ata 45 horas); están feitos dun material suave e confortable; e o seu deseño busca que poidan resultar cómodos para usuarios que dormen de lado (para o que é preciso que apenas sobresaian do pavillón auditivo).
Os Sleep A30 están indicados para persoas que teñen problemas para durmir por mor dos ronquidos da súa parella, os sons de mascotas, os electrodoméstico ruidosos ou incluso o ruído do tráfico, elementos aos que non todos se afán, polo que poder contar cunha tecnoloxía que mitigue eses ruídos pode resultar fundamental para o descanso. Tamén poden reproducir sons que axuden á relaxación precisa para conciliar o sono e, por suposto, é compatible coa programación de alarmas.
Estes auriculares tamén inclúe micrófono para chamadas, polo que o seu uso non ten por que limitarse ás horas de descanso.