Novos auriculares de condución ósea para a oficina

luns, 20 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

Dende hai máis dunha década Shokz converteuse no grande referente mundial en auriculares con tecnoloxía de condución ósea, e tras o éxito dos OpenComm2 como solución para o traballo remoto, está a iniciar a comercialización dos novos auriculares OpenMeet, que nos EE.UU. poden adquirirse por dende 219,95 dólares (aínda non iniciaron a súa distribución europea).
En contraste cos compactos OpenComm2, os novos OpenMeet buscan achegar unha estética máis tradicional, para percibirse como un produto de oficina, que en vez de empregar unha diadema de caluga opta por unha diadema sobre a cabeza, cun deseño amplo e confortable incluso co uso de lentes.
A idea deste tipo de auriculares é deixar os ouvidos libres, para poder manter a conexión co mundo que nos rodea, mentres podemos atender a chamadas telefónicas e videoconferencias grazas á conectividade Bluetooth 5.4 dos auriculares (que promete funcionar até a 30 metros de distancia), sendo especialmente destacable o seu micrófono, que ao estar instalado nun brazo estendido pode captar mellor a voz e aplicar unha cancelación de ruído moi efectiva, que promete ser capaz de eliminar até o 98,6% do ruído ambiental nas nosas conversas.
Estes auriculares sen fíos teñen unha autonomía de até 15 horas, un peso de só 78 gramos, e unha combinación de tecnoloxías de son para unha maior calidade: con DualPitch mesturan a condución ósea de Shokz con transmisión aérea para unha maior calidade sonora á vez que minimiza a filtración sonora ao exterior coa tecnoloxía LeakSlayer 3.0.
Un produto moi interesante para usuarios que están boa parte da súa xornada laboral (na oficina ou no fogar) atendendo chamadas telefónicas e participando en xuntanzas en liña, que non queiran illarse totalmente do contorno mentres que os interlocutores remotos os escoitan con claridade e sen percibir o rebumbio que poidan ter ao seu redor (por compartir espazo de traballo con máis persoas ou simplemente por non contar cun posto de traballo illado).

Vídeo promocional dos novos auriculares de Shokz