Novo trackball económico de Logitech

mércores, 28 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Aínda que os ratos informáticos son a interface máis habitual para interactuar cos nosos equipos de escritorio, hai situacións nas que o espazo dispoñible pode ser un problema, para o que existen solucións como os touchpads e os trackballs e, aínda que estes últimos son un produto moi pouco habitual, dende Logitech consideran que seguen a ter demanda e presentan o trackball sen fíos ERGO M575, que convértese no novo referente dentro dos trackballs económicos da compañía cun prezo de 49,99 euros (lembremos que o trackball MX ERGO custa 115 euros, polo que este novo produto resulta moito máis asumible).
O novo trackball busca facilitar un control sen fíos minimizando os movementos do usuario, que non precisa mover o brazo para desprazar o cursor en pantalla, xa que o control realízase co dedo polgar. Este accesorio ten un deseño ergonómico para que a man poida pousarse comodamente sobre el, minimizando o espazo que ocupa no escritorio.
O trackball ERGO M575 pode conectarse mediante Bluetooth de baixo consumo ou empregando un receptor USB incluído, sendo compatible con Windows e macOS. Aliméntase cunha única batería AA coa que pode ter unha autonomía de até 2 anos e sae á venda en dúas cores (branco crúa e grafito).

O trackball permite controlar o cursor en pantalla sen mover o brazo, o que permite un uso descansado e un maior aproveitamento do espazo no escritorio
O novo trackball é compatible tanto con macOS como con Windows.

Vídeo promocional do trackball ERGO M575

PUBLICIDADE