Novo trackball de Kensington

venres, 16 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

O fabricante Kensington introducirá no mercado antes de rematar o mes o seu novo SlimBlade Trackball para Mac e PC, que permitirá un novo nivel de control, comodidade e facilitade de uso, combinando o seu hardware cun software que facilita a navegación e manipulación de contidos dixitais, que aparte do movemento da bola coma nos trackballs tradicionais tamén aproveitará a súa rotación para distintas funcións (coma moverse entre documentos e fotografías, ampliar imaxes ou axustar o control multimedia).
O SlimBlade é compatible con Mac OS X 10.5, Windows XP e Windows Vista, así como con multitude de aplicacións: os navegadores Internet Explorer, Firefox e Safari; os programas de retoque fotográfico Photoshop Elements, Lightroom, iPhoto e Aperture; os visores Adobe Reader e Vista Previa (Apple); e as ferramentas de produtividade Excel, Word, Numbers e Pages.
Por desgraza, este interesante dispositivo ten un prezo que o afasta dos usuarios domésticos, pois se pode encargar en tendas coma Amazon por 129,99 dólares (aínda que o seu prezo oficial sería de 149,99 dólares).

PUBLICIDADE