Novo teclado Bluetooth flexible

xoves, 15 de xullo do 2010 Marcus Fernández

A tenda hongkonesa Brando incorporou ao seu nutrido catálogo de trebellos tecnolóxicos un novo teclado Bluetooth flexible e de tamaño reducido, que resulta moi atractivo para o seu uso con dispositivos coma o iPhone ou o iPad (así coma para multitude de smartphones e equipos informáticos), e que destaca por ser altamente portable, silencioso e resistente, pois está feito de silicona, de xeito que é resistente tanto á auga como ao po.
O teclado mide 256 x 92 x 16 milímetros, pesa 96 gramos, conta con 85 teclas, atallos de teclas pensadas para os móbiles e batería recargable. Coma é habitual nos produtos desta coñecida tenda, o seu prezo tampouco é moi elevado, e véndese por só 40 dólares (31,27 euros).

JPEG - 44.3 KB
O teclado sen fíos destaca pola súa flexibilidade

PUBLICIDADE