Novo tablet de 10,1 polgadas de Energy Sistem

luns, 17 de setembro do 2012 Marcus Fernández

Aínda que no mercado estean a chegar con forza os tablets Kindle Fire HD e Nexus 7, moitos consumidores non se conforman con pequenas pantallas de 7 polgadas, á vez que queren optar polo mesmo rango de prezos, de aí que cheguen ao mercado produtos como o Energy Tablet s10 Dark Iron, que a finais de mes porase á venda por 195 euros, e que forma parte da nova xeración de tablets de Energy Sistem. Este novo dispositivo destaca pola súa pantalla de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, son estéreo grazas aos seus 2 altofalantes, saída HDMI a 1.080p, 8 Gb de memoria interna ampliable mediante tarxetas microSD de ata 64 Gb e cámaras de 2 e 0,3 Mpíxeles.
Este tablet con Android 4.0 funciona cun procesador Allwinner A10 con GPS Mali-400, 1 Gb de RAM, Wi-Fi N, acepta conectividade 3G a través dun adaptador USB e conta cunha batería de 6.000 mAh o que permite unha navegación web durante ata 7,5 horas. Mide 267 x 169 x 13 milímetros e pesa 665 gramos.

PUBLICIDADE