Novo pulo ó papel electrónico coa invención dos circuítos transparentes

venres, 10 de agosto do 2007 Matías Olazabal

Un grupo de investigadores do Centro de Nanotecnoloxía de la Universidade de Purdue vén de descubrir a forma de crear transistores e circuítos transparentes, que poderían ser un paso de vital importancia para o desenvolvemento do chamado papel electrónico e outras novas tecnoloxías e plataformas.

Os circuítos en cuestión poden ser montados de dous xeitos: ou ben en capas de plástico flexible ou ben en base a estratos de cristal. No artigo publicado pola dita universidade, os autores explican que a importancia do descubrimento tocaría tres áreas concretas da ciencia: pantallas de visualización transparentes, desenvolvemento do papel electrónico, e aplicacións para tarxetas de crédito e sistemas de información que substituirían ó código de barras.

Como exemplo dos beneficios da proxección e visualización de imaxes sobre superficies transparentes menciónase que por exemplo os taboleiros dos coches darían lugar a unha imaxe no parabrisas que lle permitiría ao condutor manter a vista no seu vieiro no intre de controlar a que velocidade vai. Por outra parte, tamén se fai referencia á creación de anteollos transparentes, que permitirían a recepción de imaxes e terían aplicación tanto no lecer coma na medicina e como non, no equipamento das forzas de seguridade.

O sucesor do papel: o e-paper

Sen dúbida a aplicación máis importante dos circuítos transparentes sería a de facer realidade a chegada masiva e comunmente aceptada do famoso papel electrónico, algo sobre o que están a traballar dende hai máis dunha década científicos do mundo, e que semella que finalmente podería chegar a facerse realidade. A cuestión é que, a diferenza das pantallas, o e-paper aproveitaría os reflexos da luz na superficie tal e coma acontece co papel tradicional. Para que isto sexa posible, a superficie debe permitir o paso da luz, e o reflexo da mesma, co fin de que deixe de ser necesaria a luz artificial, coma a das pantallas dos ordenadores, que termina por esgotar la vista logo dun par de horas de lectura.

Cada peza de e-paper podería ser reutilizada tantas veces como se queira, e, amais de permitir un mellor aproveitamento dos recursos forestais -e non contaminar-, podería usarse tamén como una pantalla tradicional (aínda haberá que agardar para que podamos ter unha boa resolución nestas pranchas, pero seguro que a espera non será longa de máis).

Por último, cómpre dicir que estes circuítos poderían incluírse nas denominadas “tarxetas intelixentes”, que son semellantes ás tarxetas bancarias de toda a vida pero que permiten un intercambio de datos cos lectores, feito que podería ser empregado para mostrar o noso balance na mesma tarxeta e para permitir transaccións automáticas -por exemplo- no intre de facer uso dos servizos de transporte público, unha especie de telepeaxe que evitaría a perda de tempo da compra de billetes.

Tamén podería amorearse nela información sobre o noso número da Seguridade Social, e datos de interese médico como os relativos a alerxias ou ó noso factor sanguíneo.

PUBLICIDADE