Novo monitor Dell de 27 polgadas

luns, 23 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Os monitores LCD panorámicos de entre 20 e 22 polgadas están a acadar un importante éxito de vendas grazas á súa baixada de prezo, mentres que os modelos de 24 polgadas xa inician un tramo de prezos superior, e Dell abre agora cun nivel máis co seu monitor 2709W, que con 27 polgadas chega a unha resolución de 1.920 x 1.200 píxeles (ou sexa, FullHD). Este novo monitor tamén ten entradas HDMI, DVI e VGA, e inclúe portos USB e lector de tarxetas nos seus laterais.
O Dell UltraSharp 2709W ten unha relación de contraste dinámico de 3.000:1, un tempo de resposta de 6 milisegundos e un brillo de 400 nits, de xeito que se converte nun excelente complemento para un ordenador portátil ou sobremesa que queira empregarse para a visualización de contidos en alta definición. O seu prezo de venda é de 882,76 euros, de aí que aínda marque unha importante distancia con respecto do seu irmán de 24 polgadas (que custa 300 euros menos, e incluso goza da prestación adicional de poder rotarse a pantalla 90 graos para poder utilizala en formato vertical).

PUBLICIDADE