Novo chamamento en Ourense para rachar estereotipos de xénero en tecnoloxías e ciencia

martes, 4 de febreiro do 2020 Redacción

Onte celebrouse en Ourense, no CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel, unha xornada de divulgación e de reivindicación das contribucións femininas ao impulso na historia das tecnoloxías e da investigación. A cita, a cabalo entre o institucional e o formativo, tamén tivo un claro compoñente clarificador: tratouse de botar abaixo, novamente, as falsas ideas preconcibidas que arraigaron na nosa sociedade tentando convencer á mocidade de que a informática e a ciencia deberan ser uns terreos fundamentalmente masculinos.
Participaron na xornada Mulleres referentes na ciencia en Galicia o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a catedrática en farmacoloxía e premio María Josefa Wonenburger, Mabel Loza; e a catedrática de inmunoloxía e directora do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, África González, amais da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella.
Todas elas coincidiron na necesidade de xuntar forzas para “rachar cos estereotipos de xénero en todos os ámbitos e, nomeadamente, naqueles relacionados coa ciencia e a tecnoloxía, onde aínda persiste a fenda de xénero”.
O vicepresidente lembrou que a Xunta ten posto en marcha diversas iniciativas para integrar a perspectiva de xénero na educación en xeral, e de forma específica no ámbito da ciencia. Diste compromiso, sinalou, abrollaron a Unidade de Muller e Ciencia ou os Premios María Josefa Wonenburger destinados a recoñecer a traxectoria de mulleres destacadas no eido científico.
Na xornada tamén interveu, como dixemos, Mabel Loza, quen tamén tivo cousas importantes que dicir sobre o papel que debe xogar a muller nos devanditos ámbitos: “A presenza masculina é moi global na ciencia, non é só cousa dun país, e isto implica cousas cousas como que investigar siga sendo máis doado para eles que para elas, con todo hai que recoñecer importantes logros das mulleres, con melloras espectaculares grazas a diversas iniciativas de igualdade”. Porén, recoñeceu que “queda moito camiño por percorrer” e que segue a haber machismo nas novas xeracións.

PUBLICIDADE