Apple renova o seu catálogo discretamente

martes, 3 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Hoxe, sen previo aviso, e confirmando os rumores dos últimos días, Apple renovou o seu catálogo informático con cambios de distinta magnitude, que principalmente responden á actualización de equipos que estaban a quedar obsoletos e que parecían esquecidos pola compañía de Cupertino.
O equipo que tería o seu cambio menos importante sería o iMac, o todo-en-un de Apple que se vende con pantallas de 20 ou 24 polgadas (con resolucións equivalentes a HD Ready e Full HD respectivamente), con procesadores Intel Core 2 Duo de ata 3,06 GHz, ata 8 Gb de RAM (aínda que pasar de 4 a 8 Gb de memoria teña un esaxerado sobrecusto de 900 euros), con ata 1 Tb de disco duro SATA e con distintas opcións de procesadores gráficos, que se venden por prezos de a partir de 1.079 euros e inclúen en todas as configuracións o sistema operativo Mac OS X Leopard e o paquete de aplicacións iLife ’09. No tocante aos portos, inclúen 4 USB 2.0 no monitor (incrementando 1 con respecto á versión anterior), 2 no teclado e 1 porto FireWire 800.
Pero a grande noticia da xornada sería a renovación do Mac mini, equipo que moitos daban por morto (rumoreábase que ía ser descontinuado por Apple), que mellora o seu rendemento de xeito importante coa incorporación do procesador gráfico nVIDIA GeForce 9400M (seguindo os pasos dos MacBook). Conserva o seu reducido tamaño de 5,08 x 16,51 x 16,51 centímetros, un peso de 1,31 quilos, e cunha grande eficiencia enerxética (consume menos de 13 vatios en reposo). O seu prezo parte dos 579 euros (no modelo con 1 Gb de RAM, 120 Gb de disco duro e 128 Mb de memoria gráfica) mentres que por 779 euros é posible adquirir un modelo bastante máis completo (con 2 Gb de RAM, 320 Gb de disco duro e 256 Mb de memoria gráfica), ambos cun procesador Intel Core 2 Duo a 2 GHz, 5 portos USB 2.0 e 1 porto FireWire 800.
A un nivel profesional, Apple tamén puxo as pilas, e renovou o Mac Pro, que agora conta cos modernos procesadores Xeon Nehalem de Intel e unha arquitectura de sistema de última xeración para achegar ata o dobre de rendemento que un equipo da xeración anterior.
Estes equipos de alta gama poden configurarse cun destes novos procesadores de ata 2,93 GHz e con 4 núcleos ou mesmo con dous destes procesadores en paralelo. A configuración básica inclúe unha gráfica nVIDIA GeForce GT 120 con 512 Mb de memoria, aínda que existe a posibilidade de incluír unha ATI Radeon HD 4870.
Tamén coidaron a facilidade de acceder aos seus compoñentes para futuras actualizacións e o seu consumo (respecta a norma Energy Star 5.0). Os prezos parten dos 2.199 euros, o que suporía unha rebaixa duns 300 euros con respecto dos anteriores modelos, aínda que é posible configuralo cunhas prestacións que acheguen o seu prezos aos 18.000 euros.
Pero non só cambiaron os equipos en si, senón que os teclados que inclúen tamén é diferente, parecendo unha mestura do teclado básico e o sen fíos, pois carece do teclado numérico, conserva o cable, e tamén inclúe 2 portos USB. Este teclado destacaría por ocupar pouco espazo e o seu prezo de venda é de 49 euros.
Como última novidade teriamos os novos modelos de Aiport Extreme e Time Capsule, que contarían con dobre antena para emitir en dobre banda simultaneamente (de xeito que poderían funcionar coma 802.11n e 802.11g á vez, combinando alta velocidade con compatibilidade con vellos dispositivos).

O novo teclado prescinde do teclado numérico

PUBLICIDADE