Novas publicacións dixitais da Fundación Camilo José Cela

martes, 20 de novembro do 2007 Raquel Noya

A Fundación Camilo José Cela vén de editar tres novos números da colección dixital da obra manuscrita do Premio Nobel galego que pretende facilitar o acceso a estudiosos e interesados neste legado para que analicen a xenética textual das obras do autor padronés.
Os novos números recollen os manuscritos orixinais das novelas de Cela, El asesinato del perdedor (1994), La cruz de San Andrés (1994) e Pabellón de reposo (1943).
Asemade, a Fundación prevé que antes de rematar o ano, vaise editar un novo número co manuscrito orixinal de Madera de boj (1999), completando así unha colección única que foi posible grazas á recuperación, o pasado xuño, do único manuscrito que faltaba, o de Pabellón de reposo, que chegou a Iria Flavia cedido pola Fundación Caja Madrid.
Completar esta importante colección permitiu, por unha banda, solicitar a declaración de Ben de Interés Cultural para o legado documental doado polo escritor a Galicia e por outra, ofrecer as edicións facsimilares en formato CD dos manuscritos de todas as novelas escritas por el.
As persoas interesadas en adquirir calquera dos 14 títulos da colección poden facelo a través da páxina web da Fundación, www.fundacioncela.com ou chamando ó teléfono 981 812 424. O seu prezo é de 15 euros máis gastos de envío.

PUBLICIDADE