Novas pistas apuntan a que no outono podería ver a luz un iPad de 12,9 polgadas

mércores, 19 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Imaxe simulada na que se comparan os tamaños do iPad mini e o iPad co futuro iPad Pro.

Os rumores sobre un iPad de 12,9 polgadas levan xa anos circulando, pero agora parece que o seu anuncio estaría próximo, xa que Appsee detectou o uso dun dispositivo co identificador iPad6,8 que tería unha resolución de 2.732 x 2.048 píxeles e iOS 9.1, o que pode dar a entender que, tras presentarse os novos iPhone a primeiros de setembro (posiblemente o día 9), podería anunciarse o suposto iPad Pro, que aproveitaría o seu incremento de pantalla principalmente para facilitar o uso de dúas aplicacións a pantalla partida.
Aínda que non hai nada seguro ao respecto do futuro produto, no código de iOS 9 agóchanse numerosas pistas que dan a entender que será unha realidade, chegando incluso a concretarse que o seu tamaño exacto de pantalla sería de 12,93 polgadas, o que sería unha clara aproximación ao Surface Pro 3 de Microsoft, co que podería ter outro grande punto en común: o uso de stylus ou lapis dixitalizador. Este último elemento sería un accesorio oficial, ou sexa, que sería opcional, de xeito que iría destinado a artistas, deseñadores e a todos eses usuarios que queiran trasladar a experiencia do papel á tableta. Un paso que parece bastante interesante nun momento no que o mercado de tabletas deixou de medrar, polo que é preciso innovar para forzar a renovación do parque actual.
KGI Securities chega a prever a entrada do iPad Pro en produción o vindeiro mes de outubro.

PUBLICIDADE