Novas lentes de vídeo panorámico

venres, 20 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

Pese á súa pouca penetración no mercado, as lentes de vídeo continúan a presentar novos modelos, sendo o último o Vuzix iWear AV310 Widescreen, que permite simular ao seu usuario a sensación de estar fronte a unha pantalla de 52 polgadas a 3 metros de distancia. O seu prezo de venda é de 249,95 dólares, é compatible cos iPod, permite reproducir vídeo de case calquera fonte (reprodutores multimedia, videocámaras, consolas de videoxogos, reprodutores de DVD…), ten axuste focal independente para cada ollo (variable entre +2 e -5 dioptrías), conta con auriculares extraíbles e consegue unha autonomía de ata 4 horas con só unha pila alcalina AA (podendo chegar ás 11 horas cunha batería de litio).
Amais, non só permite a reprodución de vídeo en PAL ou NTSC, senón que as lentes poden levarse con ou sen gafas tradicionais, o que agradecerán os usuarios con problemas de visión (principalmente hipermétropes). As lentes iWear AV310 Widescreen funcionan con dúas pequenas pantallas LCD de 428 x 240 píxeles e mesmo soporta tecnoloxía de visión estereoscópica.

Este tipo de accesorio podería ser ideal para o seu uso durante viaxes en automóbil

PUBLICIDADE