Nova webcam de AVerMedia

martes, 23 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Coa vista posta nas retransmisións de vídeo en directo a través da Rede dende AVerMedia veñen de achegar ao mercado a webcam Live Streamer Cam 313 (modelo PW313), que podemos adquirir xa en España a un prezo de 59,95 euros, e que pretende ter especial aceptación entre xogadores que queiran retransmitir as súas partidas.
A Live Streamer Cam 313 é capaz de gravar vídeo Full HD a 1.080p e 30 imaxes por segundo con grande calidade, pode conectarse comodamente á nosa pantalla (tanto de portátil como de sobremesa), pode xirar até 360 graos e, como outro detalle do seu deseño a mencionar temos que conta cunha peza deslizante para poder tapar a cámara de xeito físico (garantindo así que non se viola a intimidade de usuario).
A cámara pode empregarse co software de gravación e streaming RECentral 4 de AVerMedia, que permite utilizar filtros para mellorar a imaxe e, tirando uso do AVerMedia engine tamén é posible aplicar estea efectos cando se está a realizar unha retransmisión a través de OBS.
A Live Streamer Cam 313 ten conectividade USB 2.0 (cun cable de 1,5 metros) e sensor CMOS de 2 Mpíxeles, polo que non parece que esteamos ante un portento tecnolóxico, pero si ante unha cámara mellor e máis versátil que as que tenden a integrar os ordenadores portátiles e a as tabletas.

A webcam permite tapar o seu obxectivo para garantir a protección da nosa intimidade

PUBLICIDADE