Non pagar por Twitter Blue suporá importantes restricións

martes, 28 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Elon Musk leva meses tentando que os usuarios de Twitter paguen polo servizo Twitter Blue, pese a que segue a estar moi verde (leva meses prometendo que eliminará a metade dos anuncios e mellorará a visibilidade das publicacións). Unha das primeiras medidas para potenciar Twitter Blue que entrarán en vigor será a eliminación dos selos de verificación ás contas que non pagan a partir do 1 de abril, e agora Musk anuncia que a partir do 15 de abril só as contas verificadas aparecerán na pestana de Para ti en Twitter, asegurando que é o único xeito realista de enfrontarse aos bots que fan uso de intelixencia artificial. Polo mesmo motivo tamén asegura que será preciso contar cunha conta verificada para participar en enquisas.
Haberá que ver como reacciona o público ante unhas medidas tan impopulares, pois que cando entres en Twitter vexas unha chea de publicacións de persoas ás que non segues simplemente porque pagaron por unha subscrición non parece que vaia mellorar o atractivo da plataforma, e realizar unha enquisa entre os seareiros á que non pode responder practicamente ninguén tamén desincentiva a realización de enquisas. Non sería de sorprender que Musk se retracte antes do día 15, ou que elimine estes cambios a poucas horas da súa aplicación, pois poderían resultar catastróficas para a plataforma.

PUBLICIDADE