Nokia sorprende cun lanzador de aplicacións para Android

xoves, 19 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Aínda que Nokia agora é unha marca ligada a Microsoft, non podemos esquecer que a compañía con sede en Finlandia tamén ten unha fronte aberta na plataforma Android, o que parece que non vai limitarse aos móbiles Nokia X, senón que tamén está a traducirse en avances a nivel de software, un lanzador de aplicacións que veñen de estrear, e que pillou a todos por sorpresa.
Trátase do Z Launcher, e consiste nunha ferramenta que podemos descargar de balde e que busca axilizar o acceso ás nosas aplicacións, para o que amosará inicialmente as nosas aplicacións favoritas e, para acceder ao resto, chegará con debuxar co dedo a primeira letra do seu nome (podendo engadir máis letras á busca no caso de que o sistema non atine á primeira, aínda que irá aprendendo do uso para adaptarse ás nosas preferencias).
Esta aplicación aínda está nunha fase de pre-beta, pero parece funcionar axeitadamente en calquera smartphone con Android 4.1 ou superior.
Queda agora por ver o que Nokia fará con este desenvolvemento. Limitarao aos seus terminais? Trasladará esta experiencia de uso a outras plataformas?


Vídeo promocional do Z Launcher de Nokia

PUBLICIDADE