Nokia presentou 3 novos móbiles

mércores, 11 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Nokia anunciou hoxe 3 novos terminais de telefonía móbil, 2 da serie XpressMusic e outro moi básico pero con radio FM, deixando claro que o fabricante finlandés ten moi presente o atractivo dos móbiles coma dispositivos para escoitar música.
O terminal máis completo sería o Nokia 5730 XpressMusic, que sería o primeiro móbil musical de Nokia en integrar un teclado QWERTY pensando na escritura de mensaxes. Tamén é compatible cos xogos de N-Gage e permite o acceso a múltiples aplicacións sociais (Facebook, Ovi Contacts, etc.). Mide 112 x 51 x 15,4 mm, pesa 135 gramos, conta cunha pantalla de 2,4 polgadas, A-GPS (con Nokia Maps), radio FM con RDS e a súa conectividade é moi completa (Wi-Fi, Bluetooth e HSDPA) e para a reprodución multimedia emprega tarxetas microSD de ata 16 Gb (incluíndo de serie unha de 8 Gb). Sairá á venda no terceiro trimestre do ano a uns 280 euros.
O Nokia 5330 XpressMusic pola súa banda é un terminal máis modesto, cunhas medidas de 101 x 48 x 14 mm e 113 gramos de peso, que tamén reproduce a música de tarxetas microSD (aínda que a que inclúe de serie é de só 2 Gb) e incluso supera ao seu irmán maior en autonomía coma reprodutor musical (ata 26 horas). En conectividade limitaríase a 3G e Bluetooth. Tamén sairá no terceiro trimestre do ano, e o seu prezo baixará ata os 160 euros.
Pero o terminal que si resultará económico é o Nokia 5030, que sairía no segundo trimestre do ano e podería chegar a venderse por debaixo dos 40 euros, sendo un móbil realmente básico que só destacaría por contar cun sintonizador de radio FM que lle vale o nome de XpressRadio. Mide 108 x 45 x 15 mm, pesa 82 gramos e unha impresionante autonomía que permítelle funcionar coma radio durante 24 horas seguidas así como funcionar ata 10 horas en conversa e 525 horas en espera (detalle no que supera sobradamente os terminais XpressMusic).

PUBLICIDADE