Nokia presenta os novos Lumia 920 e 820 con Windows Phone 8 e PureView

mércores, 5 de setembro do 2012 Marcus Fernández

Microsoft e Nokia uníronse hoxe para dar a coñecer ao mundo os novos móbiles da familia Lumia, dos que xa se filtrara bastante información nos últimos días, e que finalmente non decepcionaron. Os novos terminais con Windows Phone 8 serán o Lumia 920 e o Lumia 820, e aparte de contar cun sistema operativo innovador e con moito potencial, queren destacar especialmente pola súa cámara, que conta coa tecnoloxía PureView, que permite tomar boas imaxes incluso con pouca luz e tamén fai uso dun sistema de estabilización óptico da imaxe que reduce considerablemente o desenfoque e o movemento.

A pantalla super sensible do Nokia Lumia 920 incluso funciona empregando luvas

No caso do Nokia Lumia 920 temos unha xenerosa pantalla con PureMotion HD+ de4,5 polgadas (cunha resolución de 1.280 x 768 píxeles e cunha sensibilidade que permite o seu uso táctil incluso empregando luvas), cámaras de 8,7 e 1,2 Mpíxeles, 1 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno e batería de 2.000 mAh que pode cargarse sen fíos, mentres que o Lumia 820 confórmase cunha pantalla de 4,3 polgadas (cunha resolución de 800 x 480 píxeles), cámaras de 8 e 0,3 Mpíxeles, 8 Gb de almacenamento interno e 8 Gb de memoria interno ampliable mediante tarxetas microSD e batería de 1.650 mAh (que pode cargarse sen fíos de empregarse unha carcasa especial, dispoñible en varias cores). Ambos terminais contan cun procesador Snapdragon S4 de dobre núcleo a 1,5 GHz, 1 Gb de RAM e NFC (o que, entre outras cousas, permitirá o uso de altofalantes e auriculares compatibles con esta tecnoloxía cun emparellamento de dispositivos moi doado).

Os novos Lumis poden cargarse sen fíos mediante tecnoloxía Qi

Para a mencionada carga de batería sen fíos existirán distintas solucións, como bases sobre as que colocar o móbil, soportes que permiten manter o terminal con certa verticalidade, altofalantes que integran cargador sen fíos e mesmo unha almofada cargadora sobre a deixar repousar o móbil.
No tocante ao software, estes novos móbiles veñen con Nokia Mapas, aplicación que pode funcionar sen acceso á Internet e que integra navegación e realidade aumentada, aínda que para esta última función resulta moito máis axeitado Nokia City Lens, que pretende ser a aplicación que achegue a realidade aumentada ás masas (conseguindo unha popularidade que Layar non está a ser capaz de acadar).
Con respecto ás cores, o Nokia Lumia 920 venderase en amarelo, vermello, gris, branco e negro, mentres que o Nokia Lumia 820 estará dispoñible en amarelo, vermello, gris, azul claro, púrpura, branco e negro. Chegarán a finais de ano en versión HSPA+ e LTE con prezos e datas de lanzamento aínda por determinar.


A tecnoloxía PureView promete ser o principal reclamo para os novos móbiles da gama Lumia


Presentación en vídeo do Nokai Lumia 920


O Nokia Lumia 820 explicado en vídeo


O sistema de estabilización de imaxe da cámara do Nokia Lumia 920 posto a proba en vídeo

PUBLICIDADE