Nokia presenta os novos 5530 XpressMusic e E72

luns, 15 de xuño do 2009 Marcus Fernández

O Nokia 5530 XpressMusic chega como unha versión reducida do 5800

Nokia comeza forte a semana presentando dous novos terminais dirixidos a un público moi distintos: o Nokia 5530 XpressMusic e o Nokia E72. O 5530 XpressMusic podería verse coma unha versión económica do 5800 XpressMusic, que carece de 3G, aínda que si continúa a ter Wi-Fi, polo que conserva boa parte das características do seu irmán maior. Ten unha pantalla táctil de 2,9 polgadas cunha resolución de 640 x 360 píxeles, cámara de 3,2 Mpíxeles con flash LED, inclúe unha tarxeta de memoria microSD de 4 Gb, Bluetooth, conector de audio estándar e unha versión mellorada da barra de contactos do 5800 (que agora presenta 20 en vez de 4 contactos destacados). Este interesante terminal para a reprodución multimedia sairá no terceiro trimestre do ano a 199 euros máis IVE.

O Nokia E72 pode ser unha interesante alternativa aos terminais BlackBerry

O Nokia E72 pola súa banda preséntase como unha evolución do E71, o terminal con teclado QWERTY de máis éxito da compañía finlandesa, ao incorporar cámara de 5 Mpíxeles, conectividade HSDPA de ata 10,2 Mbps e un conector de audio estándar. Tamén conta con A-GPS e compás, e unha especie de trackpad óptico semellante á perla dos terminais BlackBerry (cos que parece pretender competir este completo terminal).
A súa pantalla de 2,4 polgadas ten unha resolución de 320 x 240 píxeles, tamén dispón de conectividade Wi-Fi e o seu grosor é de só 10 milímetros. Chegará ao mercado a finais do terceiro trimestre do ano a 350 euros máis IVE.


Presentación no Nokia E72

PUBLICIDADE