Nokia Treasure Tag: tecnoloxía para axudarnos a non extraviar os obxectos de valor

mércores, 19 de febreiro do 2014 Redacción

Nokia está a presentar estes días o seu servizo Treasure Tag e faino salientando o potencial amañador de problemas deste servizo. Máis polo miúdo, destaca a súa facultade para solucionarnos ensarillados como ter saído da nosa casa sen a carteira ou o móbil e sen a posibilidade inmediata de recuar sobre os nosos pasos. Nokia Treasure Tag, sinala o fabricante, é un aparello que podemos carretar enganchado ás nosas chaves ou bolso ou carteira, con conexión directa ao smartphone Nokia Lumia, que estará en disposición de achegarnos un aviso en canto estes elementos non estean xuntos.
Nokia Treasure Tag ten formato de chaveiro e apenas mide 30 x 30 x 10 mm. O seu peso é de 13 gramos e, en palabras do fabricante, “resulta un accesorio pequeno e moi útil que todo o mundo debería ter”. Para conectalo podemos usar NFC cun toque no smartphone compatíbel, ou buscar o Nokia Treasure Tag na configuración bluetooth do noso terminal. A aplicación Nokia Treasure Tag, dispoñíbel na tenda Windows Phone para o Nokia Lumia, ten “unha doada configuración” e achega de xeito simple “todo o control do seu funcionamento”, explica a compañía. Nokia Treasure Tag estará no mercado en catro cores diferentes -cian, amarelo, branco e negro- e cun prezo recomendado de 24,90 euros. En breve haberá aplicacións de terceiros que darán soporte ao Nokia Treasure Tag en dispositivos Android ou iOS.
{{}}

PUBLICIDADE