No verán teremos en Europa o Huawei Ascend P1

xoves, 19 de abril do 2012 Marcus Fernández

A compañía chinesa Huawei, que durante o derbi que tivo lugar o pasado día 11 patrocinou ao Atlético de Madrid, anunciou que o seu smartphone de referencia con procesador de dobre núcleo, o Huawei Ascend P1, estará dispoñible en Hong Kong, Taiwán e Australia no mes de maio, chegando ao mercado Europeo durante o verán.
Estamos ante un terminal que busca fuxir do concepto de móbiles baratos e de marca branca que ten a compañía, o que deixa claro co seu procesador TI OMAP 4460 Cortex-A9 de dobre núcleo a 1,5 GHz, pantalla super AMOLED de 4,3 polgadas cunha resolución de 960 x 540 píxeles con Corining Gorilla Glass, cámara de 8 Mpíxeles, son Dolby Mobile 3.0 + 5.1, saída HDMI, sistema operativo Android 4.0 e un grosor de só 7,69 milímetros.
Queda agora por ver os operadores e os prezos que distribuirán este terminal en España para saber se realmente conseguirá facerse un oco no mercado, pois resulta evidente que en prestacións e deseño dá a talla, quedando como dúbida se chegará a un prezo o suficientemente axustado como para facer que os consumidores opten por este fabricante en vez de confiar nun Samsung, un LG, un Sony ou un HTC.

O Ascend P1 puido verse na pasada edición do Mobile World Congress de Barcelona
O patrocinio temporal do Atlético de Madrid pode ser unha das medidas de Huawei para facerse cunha marca recoñecible internacionalmente

PUBLICIDADE