Nintendo inaugurará un museo en outubro

martes, 20 de agosto do 2024 Marcus Fernández

Os Nintendo Direct son espazos en vídeo nos que a compañía nipoa presenta principalmente novidades relativas ao mundo dos videoxogos, pero nas últimas horas realizou un directo diferente, dedicado a presentar exclusivamente o Nintendo Museum que abrirá en Kioto o vindeiro 2 de outubro.
A nova instalación conmemorativa da historia de Nintendo ten xa aberta a reserva de entradas para os meses de outubro e novembro, pechándose a venda o vindeiro día 31 en previsión da elevada demanda que terá o novo museo inicialmente.
O Nintendo Museum ofrecerá un xeito de repasar a historia de Nintendo a través dos produtos que lanzaou en todos estes anos, dende os naipes até a Nintendo Switch, completando o apartado máis formal e expositivo con experiencias interactivas como a posibilidade de xogar ao Super Mario Bros. cun mando xigante ou manexar xogos dunha Game & Watch coa sombra, até simplemente botar partidas a consolas clásicas de Nintendo.
A instalación tamén contará cunha hamburguesería e unha tenda de mercadotecnia na que haberá produtos exclusivos do Nintendo Museum.
Estamos na que probablemente se converta nunha das visitas obrigadas (xunto ao Super Nintendo World) para os afeccionados aos videoxogos que se acheguen ao Xapón.

Vídeo do Nintendo Museum Direct