Ninja Gaiden II supera o millón de copias

venres, 29 de agosto do 2008 Marcus Fernández

O xogo Ninja Gaiden II é un dos grandes éxitos para Xbox 360 e en apenas 2 meses conseguiu superar o millón de copias vendidas, polo que esta impresionante produción de Tomonobu Itagaki para o Team Ninja (filial de Tecmo) parece que cumpriu coas expectativas dos seguidores da saga (o que non impediu que o seu creador fose despedido tras queixarse publicamente por non cobrar unha prometida gratificación por entregar o xogo a tempo).
Ninja Gaiden II é un excelente xogo que está a funcionar ben comercialmente pese a contar con certos atrancos coma que está recomendado para adultos pola súa violencia, é exclusivo para unha plataforma (Xbox 360), o seu prezo é elevado (64,95 euros en España) e varias publicacións do sector criticaron duramente este título polo seu nefasto sistema de control de cámara (que en certas situacións fai moi complicado o seu xogo, pois agocha detalles importantes para a acción).
En vista destas sólidas vendas é posible que as aventuras de Ryu Hayabusa continúen pese a que se asegurou que este xogo poría fin a 20 anos de saga.

PUBLICIDADE