Nikon presenta unha nova cámara sen espello

xoves, 9 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Nikon leva uns meses comercializando cámaras sen espello con obxectivos intercambiables, e en setembro vai incorporar un novo membro á familia, a Nikon 1 J2, que terá un prezo de 549,95 dólares nos EE.UU. (máis económica que a meirande parte das cámaras deste tipo) e que contará cunha pantalla LCD de 921.000 píxeles, un novo corpo metálico e un modo creativo que permite elixir entre varios modos de disparo: panorámica, color selectivo, miniatura, suavizado, paisaxe nocturna, retroiluminación e retrato nocturno. A cámara ten un sensor CMOS de 10,1 Mpíxeles, procesador Expeed 3 (que permite disparar ata 10 imaxes por segundo), sistema de enfoque automático cunha matriz de 73 puntos e gravación de vídeo en alta definición a 1.080p.
Nikon tamén anunciou que en setembro vai comercializar a carcasa somerxible WP-N1, cun prezo de 749,95 dólares, que será compatible coas cámaras Nikon 1 J1 e J2, facilitando o seu uso para actividades na praia ou durante a práctica de deportes acuáticos, xa que protexerá a cámara da auga ata unha profundidade de 40 metros.

A Nikon 1 J2 incorpora unha pantalla de 3 polgadas de 921.000 píxeles

PUBLICIDADE