Nikon presenta unha cámara de 45,7 Mpíxeles e gravación de vídeo 8K

xoves, 28 de outubro do 2021 Marcus Fernández

Nikon presenta hoxe a súa cámara insignia máis avanzada, a Z 9, que supón un grande paso adiante na fotografía profesional grazas ao novo sensor CMOS de 45,7 Mpíxeles que fai que esta cámara sen espello de formato completo poida destacar nun sector moi competitivo, para o que tamén conta cun procesador EXPEED 7 ultrarrápido, sistemas de enfoque automático e seguimento 3D moi sofisticados e unhas impresionantes capacidades de gravación de vídeo.
Esta cámara busca satisfacer a fotógrafos profesionais moi diversos xa que destaca en numerosos apartados. Presume dun sistema de enfoque automático de 493 puntos, da posibilidade de capturar até 1.000 imaxes en formato RAW a unha razón de 20 imaxes por segundo (podendo capturar até 120 imaxes por segundo de 11 Mpíxeles en formato JPEG), da gravación de vídeo en 8K a 60p e 4K a 120p (coa promesa dunha actualización que habilitará a gravación RAW 8K a 60p), dun visor electrónico luminoso (3.000 nits) e dunha grande ergonomía que gaña flexibilidade cunha pantalla abatible vertical e horizontal de 4 eixes.
A Nikon Z 9 ten un corpo un 20% máis pequeno que a D6, a súa aliaxe de magnesio dótaa dun equilibrio entre forza e lixeireza, e pode disparar cun rango de ISO nativo de 64 a 25.600 (ampliable a 32-102.400). Está previsto que chegue ao mercado en decembro a un prezo de preto dos 6.000 euros.

Vídeo promocional da Nikon Z 9

PUBLICIDADE