Nikon cancela o lanzamento das súas cámaras compactas DL

luns, 13 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

O pasado mes de xuño Nikon anunciou unha nova familia de cámaras compactas premium, composta polas DL18-50 f/1.8-2.8, DL24-85 f/1.8-2.8 e DL24-500 f/2.8-5.6, pero ante a situación actual do mercado e as dificultades no seu desenvolvemento (especialmente no seu circuíto integrado de procesamento de imaxe) tiveron que tomar a difícil decisión de cancelar o seu lanzamento, para frustración dos consumidores e distribuidores que estaban a esperar por tal produto que agora consideran que non sería rendible economicamente.
Esta decisión de Nikon está enmarcada nunha reestruturación da compañía a través da que prescindirán dun milleiro de postos de traballo. Disto pode entenderse que Nikon convértese nunha compañía centrada unicamente en cámaras DSLR, xa que o resto de categorías de cámara non están a funcionar economicamente ben, en boa medida polas dificultades para competir con Sony e Fujifilm, mentres que nas réflex mantén unha boa posición.
O que parece confirmarse coa complicada situación de Nikon é que o sector das cámaras fotográficas mudou para sempre, de xeito que só hai espazo no mercado para as gamas altas, xa que os formatos máis populares cederon o seu posto aos smartphones, resultando moi complicado para os fabricantes conseguir asentarse en segmentos como o das cámaras compactas e bridge.

PUBLICIDADE