Nieves Brisaboa, catedrática da UDC, recibe o Premio Nacional de Informática

mércores, 6 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

A profesora da Facultade de Informática da Universidade da Coruña e investigadora do CITIC (UDC), Nieves R. Brisaboa, recolleu este martes 5 en Madrid o Premio Nacional de Informática Ángela Ruíz Robles, que conceden a Sociedade Científica de España e maila Fundación BBVA. Ao acto de entrega do premio asistiron o reitor, Julio Abalde, o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, o decano da Facultade de Informática, Luis Hervella, e outros profesores deste centro.
O xurado enxalzou novamente o traballo de Brisaboa, que “permitiu a creación da Biblioteca Virtual Galega, utilizada en colexios de toda Galicia, na que poden verse textos de todos os autores, así como acceder a ficheiros multimedia nos que aparece o autor lendo a súa obra”.
O xurado salientou tamén as contribucións da investigadora galega en materia de xestión de datos, “así como as súas iniciativas nos eidos da transferencia de coñecemento en relación con empresas e institucións públicas, ademais da creación de empresas de base tecnolóxica”.
O laboratorio da UDC
En 1996 Nieves R. Brisaboa, catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos da UDC, creou o Laboratorio de Bases de Datos da Universidade da Coruña, e hoxe en día os integrantes do devandito grupo son os encargados das materias de bases de información do centro e todo o seu labor de investigación localízase na área da xestión do coñecemento. Segundo explica a propia Brisaboa, “a área de xestión de datos fai referencia a todo o relativo ao procesamento de datos: a súa adquisición, o almacenamento, a limpeza, a súa preparación para ser analizado, a súa explotación, a súa visualización... É unha área que estivo sempre omnipresente na informática”.
No seu laboratorio traballan en investigación básica, desenvolvendo estruturas de datos e algoritmos eficientes para o seu procesamento, e máis en investigación aplicada, creando sistemas de información complexos como datos espazo-temporais.
Entre as aplicacións finais materializadas polo seu laboratorio atópase a Biblioteca Virtual Galega, utilizada en colexios de toda Galicia, na que, segundo indica a propia Brisaboa, “poden verse textos de todos os autores, así como acceder a ficheiros multimedia nos que aparece o autor lendo a súa obra”. Outro exemplo que está en uso é o sistema de información territorial da Deputación da Coruña, que desenvolven no seu laboratorio desde o ano 2000. Como explica a catedrática premiada: “Represéntanse todas as infraestruturas e equipamentos da provincia, e o nivel de detalle é enorme: podes ver o diámetro de cada condución de auga da provincia da Coruña”.

PUBLICIDADE