NieR: Automata estrea versión para PlayStation 4

venres, 10 de marzo do 2017 Marcus Fernández

En 2010 Square Enix lanzou para PS3 e Xbox 360 o xogo de rol NieR, que pasou bastante desapercibido fóra do Xapón, algo que no está a pasar coa súa secuela, NieR: Automata¸ que sae hoxe á venda para PlayStation 4 (a versión para PC chegará dentro dunha semana) confiando tanto no interese por parte do público que incluso conta cunha edición para coleccionistas que inclúe unha figura, un libro de arte en tapa dura, a banda sonora do xogo, unha caixa de coleccionista e contidos dixitais adicionais.
NieR: Automata narra a historia dos androides 2B, 9S e A2, que loitan para recuperar o mundo distópico no que unha invasión de alieníxenas mecanizados forzou que a humanidade tivese que abandonar a Terra. Os soldados androides son a última esperanza da resistencia humana para acabar cos invasores nunha guerra encarnizada na que non faltan segredos que se irán descubrindo unha fascinante historia que combínase con moita acción.
Este xogo de rol e acción de mundo aberto transcorre nun mapa ininterrompido, con controis fluídos e sinxelos, nos que combinar ataques lixeiros e pesados, correr e esquivar para eliminar as máquinas ás que temos que enfrontarnos. Tamén poderán empregarse diferentes armas para efectuar os ataques, podendo crear combinacións de dúas armas ou alternar entre as mesmas incluso en pleno combate.
Cómpre destacar que para gozar deste xogo non é preciso terse achegado á súa primeira entrega (xa que esta historia está situada centos de anos despois) e que unha ver chegado ao final do xogo non remata a aventura, xa que poderemos seguir xogando con moitas cousas por descubrir (aseguran que a primeira vez que se completa o xogo só se descubre a metade da súa historia).

Elementos físicos incluídos na edición para coleccionistas do xogo

Tráiler de lanzamento do xogo

PUBLICIDADE