New Super Mario Bros 2 chegará á 3DS en agosto

luns, 23 de abril do 2012 Marcus Fernández

A pasada fin de semana dende Europa puidemos ver unha nova edición de Nintendo Direct, vídeo no que se resumen os lanzamentos que vai achegar Nintendo ao Vello Continente durante os vindeiros meses, facendo que moitos seareiros da marca nipona poidan sorrir no verán, co regreso de grandes marcas como Mario e Pokémon.
O principal anuncio foi a confirmación de que no mes de agosto teremos New Super Mario Bros 2 para Nintendo 3DS, que supón así unha alternativa ao Super Mario 3D Land que opta pola clásica mecánica 2D que tanto éxito acadou tanto en Wii como en Nintendo DS, e que será un supervendas instantáneo de seguir os pasos dos seus predecesores.
Pero Mario non se limitará a un título, senón que o vindeiro 25 de maio tamén estreará na 3DS o Mario Tennis Open, que levará a Mario e aos seus amigos a competir na cancha de tenis, permitindo dende o uso de Mii no xogo como a competición multixogador en liña.
Tamén confirmaron que hoxe mesmo chega á Nintendo 3DS unha actualización de balde do sistema que incorporará novas funcións como a posibilidade de organizar os contidos en cartafoles no menú Home da consola e a posibilidade de incorporar actualizacións (parches) de xogos, de xeito que a mediados de maio chegará unha actualización para o Mario Kart 7 que retirará algúns atallos inxustos que aparecen no xogo en liña, e que supón a aceptación de actualizacións de xogos para consolas de videoxogos portátiles (algo moi habitual en equipos domésticos).
Nintendo tamén confirma que a través da Nintendo eShop vai ser posible descargar este ano 2 novos títulos de Pokémon: un shooter controlado mediante o sensor de movemento da consola que levará os Pokémon ao mundo real mediante as posibilidades de realidade aumentada da 3DS (e que tras capturalos poderán transferirse a Pokémon Edición Negra 2 e Pokémon Edición Blanca 2 que sairán no outono); e un novo Pokédex que incluirá información de todos e cada un dos Pokémon da historia da serie.


Vídeo-resumo das novidades que achegará Nintendo a Europa nos vindeiros meses (con subtítulos en español)

PUBLICIDADE