Never Alone e Dragon Age II destacan entre os Xogos con Gold de decembro

martes, 27 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Microsoft vén de desvelar a selección de Xogos con Gold do mes de decembro, que chama bastante a atención por combinar un par de xogos independentes para Xbox One (ambos de grande calidade e aclamados pola crítica) xunto a un par de títulos de consolas anteriores dispoñibles grazas á retrocompatibilidade.
A partires do día 1 de decembro será posible descargar o xogo de crebacabezas Q.U.B.E. 2, que cunha perspectiva en primeira persoa métenos na pel dunha arqueóloga que debe percorrer as ruínas dun antigo paraxe alieníxena, no que manipular a estrutura deste mundo esquecido grazas a unhas luvas especiais para así atopar un modo de saír do planeta. Este título de Trapped Nerve Games é deste mesmo ano, polo que de seguro que o agradecerán os seareiros deste tipo de xogos que o deixasen pasar no seu momento.
A partires do 16 de decembro o título de Xbox One que poderemos descargar é toda unha xoia, Never Alone (Kisima Ingitchuna), unha aventura inspirada na tradición da comunidade de Alaska na que unha nena e un raposo atravesan terras perigosas, enfrontándose ao xeo e aos seus riscos, atopando fantásticas criaturas, visitando poboados perdidos e descubrindo misterios ocultos no mundo que nos rodea. Unha historia de amor e amizade na que a unión permite superar os obstáculos da Natureza, e que pode xogarse en solitario ou cun amigo en local.
O xogo retrocompatible de Xbox 360 que chegará a partires do 1 de decembro é o xa clásico Dragon Age II, todo un referente dos xogos de rol, creado por BioWare, e unha das grandes entregas desta franquía de éxito, que tivo a responsabilidade de suceder a Dragon Age: Origins, para o que optaron por introducir cambios para manter certa frescura, conseguindo un resultado máis que digno, que fai que o tempo non tratase mal a esta produción.
Pero a grande sorpresa do mes será para moitos Mercenaries: Playground of Destruction, xogo que chegará o 16 de decembro e que poderá xogarse tanto en Xbox One como en Xbox 360 pese a que estamos ante un título da Xbox orixinal, ou sexa, que temos un xogo de disparos en terceira persoa que tira proveito ao máximo da retrocompatibilidade até o punto de estar incluso mellorado no caso de que o executemos nunha Xbox One X.
Aínda que o interese por este último título sexa discutible, demostrar que un xogo da primeira Xbox pode executarse dignamente na última e máis potente consola do mercado é toda unha declaración de intencións por parte de Microsoft, que cada vez ten unha plataforma de xogos máis próxima ao xogador de PC tradicional, o que, de manter a mesma liña, podería valerlle grandes éxitos de cara á vindeira xeracións de consolas.

Vídeo promocional dos Xogos con Gold de decembro

PUBLICIDADE