Neuralink anuncia que probará os seus implantes cerebrais con humanos

venres, 28 de agosto do 2020 Marcus Fernández

En 2016 Elon Musk fundou Neuralink, unha compañía neurotecnolóxica especializada no desenvolvemento de interfaces cerebro-máquina implantables, que tras anos de traballo por fin iniciou o camiño para pasar a experimentar con humanos, de aí que realizasen unha presentación en directo na que amosaron porcos aos que colocaron un prototipo da súa tecnoloxía, como exemplo da súa seguridade, xa que este tipo de implantes serían reversibles.
O produto que está a desenvolver esta compañía de Musk sería o Link, que ben a ser un chip selado nunha cápsula redonda de 23 x 8 milímetros que pode instalarse no cranio dun usuario e que, grazas a un robot cirúrxico, podería coser até 1.024 eléctrodos nun cerebro de xeito seguro (evitando os vasos sanguíneos), de xeito que logo podería rexistrar a actividade cerebral, transmitindo os datos sen fíos de xeito que podería aproveitarse sta información para ler o cerebro en tempo real e poder aproveitar estas lecturas para, por exemplo, detectar as mensaxes que conducen ao movemento do noso corpo para poder así controlar sistemas de asistencia para devolver a mobilidade a persoas con certos tipos de parálise, para manexar extremidades prostéticas, ou incluso para o control de máquinas e de videoxogos.
As posibilidades desta tecnoloxía son moitas, e basicamente ao presentala ao mundo o que están a facer é darlle visibilidade para captar talento que poida tirar proveito de todo este traballo agora que a FDA estadounidense autorizou as probas desta tecnoloxía en humanos, para o que Musk asegura que están a tomar medidas para que este importante paso poida realizarse do xeito máis seguro posible.
O Link presentado ao público é o suficientemente compacto como para poder ser invisible (baixo o cabelo do usuario), podería cargarse durante a noite mediante indución e tería autonomía dabondo como para operar todo o día. A súa instalación nun humano podería realizarse nunha operación cirúrxica sen anestesia xeral que tampouco precisaría de hospitalización, mostra de que o procedemento busca ser o menos agresivo posible, aínda que haberá que ver cara a onde leva todo isto, pois aínda que no caso de persoas con eivas físicas severas o risco dun implante cerebral podería ser asumible, levar esta tecnoloxía a eidos máis comúns supón derrubar moitas barreiras, sendo preciso un nivel de seguridade extremo e un grande traballo de comunicación para transmitir confianza en dispositivos que aínda hoxe parecen de ficción científica.

Vídeo retransmitido en directo no que Elon Musk deu detalles da tecnoloxía de Neuralink e deu paso a neurocientíficos da compañía para responder cuestións sobre esta tecnoloxía tan futurista

PUBLICIDADE