Netflix presenta o seu plan económico con anuncios

xoves, 13 de outubro do 2022 Marcus Fernández

Ante os problemas de crecemento que experimenta Netflix para continuar a medrar na súa base de clientes decidiron lanzar un novo plan, máis económico, para o que inclúen publicidade e limitan a calidade de imaxe a 720p. Este novo plan en España chámase Básico con anuncios e ten un prezo de 5,49 euros/mes (mentres que os plans Básico, Estándar e Premium teñen prezos de 7,99, 12,99 e 17,99 euros/mes respectivamente), o que permite que Netflix poida recuperar certa competitividade, xa que na actualidade os seus plans son moito máis caros que os dos seus competidores máis directos.
O plan Básico con anuncios verá a luz o 10 de novembro ás 17:00 a España (chegará a outros 11 países uns días antes), e manterá o seu catálogo de contidos (aínda que algunha ausencia debido a restricións de licenza, algo que procurarán arranxar progresivamente), pero engadirá 4-5 minutos de anuncios por hora. A opción de descargar para visualizar fóra de liña non estará dispoñible neste plan económico.
Os anuncios terán unha duración de 20 segundos (curiosamente noutros mercados os anuncios terán duracións de 15 e 30 segundos) e amosaranse ao comezo e durante a reprodución de series e películas, podendo os anunciantes segmentar ao seu público en función de países e xéneros (coa posibilidade de indicar tipos de contidos cos que non queren que se relacione a súa marca).
Nos vindeiros meses espérase que outras plataformas de streaming adopten estratexias semellantes para poder mellorar os seus resultados económicos, nos que algún xa consideran que é o futuro dos contidos baixo demanda de cara a substituír á televisión tradicional a longo prazo.

Vídeo no que presentan o plan de Netflix con publicidade

PUBLICIDADE