Netflix ofrecerá aos seus subscritores o xogo Monument Valley 3

martes, 20 de agosto do 2024 Marcus Fernández

Netflix aproveitou a apertura da Gamescom de Colonia para realizar interesantes anuncios relativos á súa aposta polos videoxogos para o móbil como xeito de fidelizar aos seus subscritores, amosando por primeira vez un par de títulos en primicia que son especialmente relevantes, que estarán dispoñibles antes de rematar o presente ano: Squid Game: Unleashed e Monument Valley 3.
Squid Game: Unleashed será un xogo para 32 participantes con desafíos que resultarán familiares para os seguidores de El juego del calamar, serie de éxito que o 26 de decembro estreará segunda tempada, para finalizar cunha terceira tempada en 2025. Deste xeito Netflix aproveita o fenómeno da serie surcoreana para consolidar a súa posición do mercado lanzando produtos derivados.
Tamén é decidida a aposta por Monument Valley, saga de xogos de quebracabezas de grande éxito, que nos vindeiros meses poderán gozar os subscritores de Netflix sen custo adicional, comezando pola primeira entrega o 19 de setembro e a segunda o 29 de outubro, preparando así o terreo para que o 10 de decembro se estree Monument Valley 3, que será un agradable agasallo de Nadal para moitos.
Netflix aproveitou tamén para anunciar o lanzamento de máis xogos para o móbil: Snake.io o 27 de agosto, Battleship (o célebre Hundir la flota) o 10 de setembro e Rollercoaster Tycoon Touch o 8 de outubro; lembrando tamén que xa están dispoñibles como novidade Diner Out e Ludo King.

Vídeo promocional de Squid Game: Unleashed

Monument Valley 3 é a grande sorpresa de Netflix anunciada na Gamescom