Netflix ofrecerá aos seus subscritores a triloxía de GTA

mércores, 29 de novembro do 2023 Marcus Fernández

Mentres o público está expectante por ver o primeiro tráiler de Grand Theft Auto VI, Netflix sorprende anunciando que o 14 de decembro ofrecerá aos seus subscritores sen custo adicional na súa versión para iOS e Android a recompilación de xogos Grand Theft Auto: The Trilogy - The Definitive Edition.
Falamos dun lote que inclúe as versións definitivas (ou sexa, con todas as actualizacións integradas de saída) de Grand Theft Auto III, Grand Theft Auto: Vice City e Grand Theft Auto: San Andreas, que foron os grandes títulos que asentaron as bases do éxito das seguintes entregas, no que é unha das franquías de maior facturación da historia, e que poderían considerarse como os produtos de lecer máis lucrativos, superando amplamente ás grandes estreas cinematográficas. De feito, Grand Theft Auto V podería ter superado xa os 8 mil millóns de dólares de ingresos, cando na actualidade ningún filme superou os 3 mil millóns de dólares, podendo compararse así a franquía de Grand Theft Auto a, por exemplo, as sagas de Star Wars en pantalla grande.

PUBLICIDADE