Nest Mini, o pequeno altofalante de Google mellora a súa calidade sonora

martes, 15 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Un dos produtos de Google que se renovaron hoxe foi o seu altofalante conectado máis pequeno, o Google Home Mini, que pasa a responder ao nome de Nest Mini, e que, pese a ter un deseño exterior moi semellante (podendo diferencialo de xeito doado por incluír un orificio na súa parte inferior para facilitar a súa instalación pendurado nunha parece sen a necesidade de accesorios externos), supón unha mellora en calidade de son, con graves até dúas veces máis potentes.
Durante a reprodución musical, se achegamos a man ao dispositivo tamén se iluminarán os LED do mesmo indicando onde tocar para axustar o volume; mellorou a súa capacidade para distinguir a voz en contornos ruidosos; e durante a reprodución de novas ou podcasts tamén axustará de xeito automático o volume en función do ruído de fondo. Tamén contan coa función de interfono, de xeito que dende a aplicación móbil de Google Home podemos conversar cun destes altofalantes, o que pode resultar moi práctico no ámbito familiar, aínda que tamén haberá quen tire partido deste tipo de chamada para conversar de balde con outra persoa que estea ao outro lado do mundo empregando Google Duo.
Cómpre lembrar que este tipo de dispositivos son especialmente prácticos grazas ao Asistente de Google e no caso de que no fogar teñamos dispositivos domóticos compatibles, xa que así será posible gozar do control de voz para manexar as luces, prender a calefacción ou incluso reproducir contidos nun televisor.
O novo Google Nest Mini sairá á venda o 22 de outubro e, aparte de poder adquirirse na tenda en liña de Google, tamén poderán mercarse en MediaMarkt, El Corte Inglés, Fnac, Carrefour, Worten e Leroy Merlin.

Vídeo promocional do Google Nest Mini

PUBLICIDADE