Need For Speed: The Run estrea versión de demostración

mércores, 19 de outubro do 2011 Marcus Fernández

O 17 de novembro vai chegar ás tendas o xogo Need For Speed: The Run¸ xogo de condución de Electronic Arts que onte estreou versión de demostración para Xbox 360 (en primicia para usuarios Gold de Xbox LIVE) e hoxe fai o propio coa PlayStation 3, e que permiten probar un Lamborghini Gallardo LP550-2 Valentino Balboni (así como desbloquear un Porsche Carrera S se convidamos a un amigo a xogar con nós a esta demo) en 2 pistas: Desert Hill e Indepence Pass.

Christina Hendricks e Sean Farris interpretan aos protagonistas do xogo

Este anticipo só pretende animar aos xogadores a facerse co título completo, que non só chegará para Xbox 360 e PlayStation 3, senón que tamén terá versións para PC, Wii e Nintendo 3DS, e que contará cos actores Sean Farris (protagonista de Crónicas Vampíricas) e Christina Hendricks (da serie Mad Men) interpretando os papeis protagonistas desta aventura virtual grazas á tecnoloxía de captura de movemento que os trasladou ás consolas de videoxogos; pero non serán as únicas figuras famosas en facer acto de presenza, pois as modelos Chrissy Teigen e Irina Shayk tamén poderán exercer de rivais nas carreiras de coches que centrarán boa parte da acción de Need For Speed: The Run.
O xogo tamén contará coa función de Autolog, o que permitirá que os amigos do xogador poidan seguir os seus progresos, instándoos a superar as súas marcas ou a competir contra el, elemento xa presente noutras entregas da saga con grande éxito.


As modelos Chrissy Teigen e Irina Shayk estarán presentes como rivais no novo xogo de EA

PUBLICIDADE