Naturgy achega aos seus clientes asistencia médica de balde por vídeo-chamada

martes, 24 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

A eléctrica Naturgy anunciou a posta en marcha dun servizo para axudar aos seus clientes a facer fronte á pandemia de coronavirus. Trátase, máis polo miúdo, da posibilidade de obteren asistencia médica de balde mediante vídeo-chamada. Este servizo estará a disposición dunha comunidade de usuarios integrada en Galicia por máis de 1 millón de clientes. As consultas, sen cita previa, poderán realizarse por teléfono, web ou aplicación móbil os 7 días da semana, durante as 24 horas.
Estará activo durante eses meses, tentando axudar aos usuarios a sortear un dos principais problemas derivados do estado de alarma: a imposibilidade de facer desprazamentos máis alá do puramente esencial.
Para poder contar con esta asistencia as persoas interesadas deberán rexistrarse na súa área privada na web da compañía.
Este servizo inclúe información médica de primeiras actuacións en casos de emerxencia, medicación e posoloxía para pediatría e medicamento xeral. En caso de emerxencia, avisarase ao servizo 112 para envío de ambulancia no territorio nacional.
En Galicia, a compañía conta con máis de 1 millón de clientes, en concreto 1.080.504 entre o mercado liberalizado e o regulado, aos que se lles facilita acollerse a esta nova cobertura de balde. En total, 7 millóns de fogares teñen acceso a esta medida en España.
A iniciativa forma parte do plan de axudas lanzado pola compañía para paliar a crise sanitaria do coronavirus, amais do fornecemento gratuíto de electricidade e gas a hoteis e residencias que cedan as súas instalacións á sanidade pública, as facilidades de pago de facturas a PEME e autónomos e a protección aos colectivos máis vulnerábeis.

PUBLICIDADE