Nadalmercaegana.com entregou os seus premios á fidelidade ao comercio local

venres, 18 de xaneiro do 2019 Redacción

A campaña-concurso Merca e Gaña polo Nadal da Deputación de Lugo e a Federación de Comercio repartiu finalmente 10.000 euros en premios (cartóns-agasallo) entre 40 veciñas e veciñas da provincia. Como lembraremos, a nova edición do Merca e Gaña foi unha iniciativa para visualizar a importancia de reivindicar o comercio local, de proximidade, e, unha vez máis, desenvolveuse a través das redes, entre o 6 de decembro e o 6 de xaneiro. Durante estas datas, incentiváronse as compras no comercio local con material de promoción nas rúas dos 67 concellos ou en redes sociais co cancelo #nadalmercaegaña.
Por outra banda, as persoas que mercasen en calquera dos establecementos da provincia puideron participar no sorteo de 20 cartóns-agasallo de 300 euros e outros 20 de 200 euros. Para iso, tiveron que fotografar o tícket da compra e rexistrala en www.nadalmercaegana.com (ou solicitar o seu rexistro ao comerciante).
Os premios foron entregados hoxe polo deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, acompañado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o presidente da Federación de Comercio, José María Seijas, o presidente de Lugo Centrum CCA, José Luís Pérez, o director territorial de Abanca en Lugo, Javier Soto Garrido, entidades colaboradoras con esta campaña. No acto, tamén se entregaron os premios do Concurso de Postais de Nadal Vive o Centro.
Santos Ramos subliñou “o éxito de participación nesta campaña, na que se rexistraron máis de 31.000 compras, o que amosa o compromiso dos veciños co comercio de proximidade, un dinamizador social e económico da provincia”. Segundo engadiu, as compras realizadas ao abeiro da iniciativa de promoción tiveron un valor estimado de 1,9 millóns de euros, un 18% máis ca o ano pasado, ademais de rexistrar 5.000 usuarios máis”
O número de premiados por Concello foron: 3 en Mondoñedo, 6 en Sarria, 2 de Viveiro, 1 de Xove, 3 de Monforte de Lemos, 2 de Rábade, 1 de Chantada, 8 de Lugo, 1 de Burela, 2 de Lourenzá, 4 de Foz, 3 de Vilalba, 1 de O Vicedo, 1 de Taboada, 1 de Ribadeo e 1 de Covas-Viveiro.

PUBLICIDADE