Nace un servizo galego para xerar e compartir mapas en liña

luns, 12 de abril do 2010 Raquel Noya

A utilidade das redes sociais, cuestionada por unha parte considerable da poboación internauta do noso país que as ve tan só como unha ferramenta para atopar antigos amigos e manter o contacto con eles en liña, vai pasar a ter outra valoración máis positiva cando a xente coñeza o traballo da empresa galega SIXTEMA. Esta entidade, con sede en Santiago de Compostela que foi cualificada como I.E.B.T. pola Xunta no ano 2005, está a desenvolver unha rede social para compartir cartografía, que só no seu primeiro mes de funcionamento congregou a máis de 400 usuarios. ikiMap, que así se chama a ferramenta, achega como novidade a posibilidade de crear os mapas que se desexen coa información dispoñible, o que resulta de grande utilidade para todos os afeccionados e profesionais da cartografía e para calquera usuario en xeral. A aplicación, que se pode usar libremente previo rexistro de balde na web, é sinxela e doada de manexar e dela fixéronse eco diversos boletíns especializados en software e servizo web, como genbeta.com, que destaca ikiMap como unha “idea xenial” e un “servizo moi completo que permite compartir información relevante que pode visualizarse nunhas coordenadas xeográficas, é dicir, desenvolver máis alá do simple mapa que ofrece Google Maps, achegar valor e colaborar conxuntamente na nube para facer evolucionar o servizo”.
Igual que se se tratara dunha rede social tradicional como pode ser Facebook ou Tuenti, a ikiMap permite deixar comentarios, puntuar os mapas e mesmo descargalos ou compartilos con outros usuarios da Rede.
Segundo destacan os seus promotores, as posibilidades de ikiMap “son moi grandes e abertas”, e dado o carácter social do proxecto, son os propios usuarios os que definen o seu rumbo.
Porén a principal utilidade desta aplicación consiste en que ás ferramentas existentes pódenselle ir incorporando outras novas que permitan mellorar as funcionalidades da rede social e proporcionarlle aos usuarios máis experimentados unha boa plataforma para a xestión e publicación de cartografía.

PUBLICIDADE