NBA 2K13 terá voces en español

mércores, 22 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Jorge Quiroga, Sixto Miguel Serrano e Antonio Daimiel son os encargados de pór as voces ao xogo de 2K Games

A entrega deste ano do xogo de baloncesto de 2K Sports, NBA 2K13, non só vai contar con maior nivel técnico da saga e a posibilidade de xogar co mítico Dream Team, senón que tamén enriquecerase cos comentarios de Antonio Daimiel, Sixto Miguel Serrano (Canal+) e Jorge Quiroga (Marca), de xeito que será a primeira vez que esta franquía chegue dobrado ao español, atendendo así á alta demanda que este serie de xogos ten en España.
Para facer posible a localización das voces de NBA 2K13 foron precisas máis de 200 horas nos estudos de gravación, o que permitirá que os seareiros da saga poidan ter unha experiencia o máis realista posible.
O xogo inclúe voces en inglés, e para poder gozar das mesmas en español será preciso facer uso dun código de descarga incluído no xogo orixinal para PS3 e Xbox 360, que chega de balde para os usuarios españois, mentres que dende fóra de España será preciso pagar pagar para facerse con este contido.
NBA 2K13 chegará a Xbox 360, PlayStation 3, PSP, Wii e PC o vindeiro 5 de outubro, mentres que a versión para Wii U estará dispoñible máis adiante (polo mero feito de que a consola aínda non estará á venda en tal data).

Entre as novidades do NBA 2K13 está a posibilidade de poder xogar co mítico Dream Team

PUBLICIDADE