NBA 2K13 será máis accesible para usuarios non iniciados

venres, 10 de agosto do 2012 Marcus Fernández

A franquía de xogos de baloncesto de 2K Games conseguiu machucar á súa competencia grazas á súa calidade, conseguindo unhas críticas sen precedentes e unha boa acollida comercial, incrementando sempre o seu nivel gráfico, pero NBA 2K13 non só mellorará tecnicamente, senón que tamén incluirá novidades xogables para facer este título máis accesible, de xeito que os usuarios menos afeitos á franquía de 2K poidan gozar do xogo.
En xogos como NBA 2K12 (título que superou os 5 millóns de copias vendidas) para efectuar a meirande parte dos regateos había que premer o gatillo esquerdo do mando e mover o stick esquerdo (dun xeito que pode lembrar aos combos dos xogos de loita), para o que é preciso ter certa destreza nos dedos e memorizar múltiples conxuntos de movementos, pero no NBA 2K13 será posible canear empregando o stick dereito do mando, o que resulta un movemento moito máis intuitivo e natural. Deste xeito, un usuario pouco experimentado tamén poderá realizar movementos impresionantes, facilitándose o encadeamento de accións de driblar e lanzamentos á canastra.
Cos cambios xogables en NBA 2K13 búscase reducir a curva de aprendizaxe do xogo, e esperan que os xogadores máis habituados ás entregas anteriores non teñan moito problema en adoptar o novo control, á vez que seguirán contando cun alto nivel de precisión que continúe a premiar a experiencia (ou sexa, que ter un control máis accesible non implica que se baixe o nivel de dificultade do xogo á hora de competir con outros xogadores).
NBA 2K13 tamén contará cun novo sistema de físicas en tempo real para a detección de colisións, dando un maior realismo ao xogo, como cando se realizan pases, que agora estarán moito mellor recreados, conseguindo un xogo máis fulído.
O lanzamento de NBA 2K12 para Xbox 360, PlayStation 3, PC, Wii e PSP está previsto para o vindeiro 2 de outubro, mentres que a versión para Wii U sairá de cara ao Nadal.


Explicación en vídeo dalgúns dos cambios que achegará NBA 2K13

PUBLICIDADE