N.O.V.A. 3 estréase para móbiles Nokia Lumia

mércores, 12 de xuño do 2013 Marcus Fernández

O xogo de Gameloft N.O.V.A. 3, que achega a dispositivos móbiles un shooter en primeira persoa cuns gráficos propios dunha consola de videoxogos, comezou o seu desembarco nas tendas de descargas para Windows Phone 8, aínda que polo momento, en exclusiva para terminais de Nokia, que neste momento poden descargar este impresionante título de balde (para o que deben configurar o seu dispositivo para algunha das tendas internacionais nas que está dispoñible, como a da India) o que supón unha boa oportunidade para os que teñan un terminal con 1 Gb de RAM e moito espazo de disco libre (o xogo ocupa máis de 1 Gb).
N.O.V.A. 3 sitúanos nunha historia épica na que loitar pola salvación da humanidade por diferentes escenarios (dende unha Terra arrasada ata unha cidade volterite conxelada). Poderemos gozar de 10 niveis diferentes, empregar multitude de armas e poderes (correr, disparar, conducir vehículos e pilotar mecas), unirse a batallas de 12 xogadores en 7 modos (captura a zona, Free-for-All, captura a bandeira...) en 7 mapas distintos... e incluso facilita que múltiples aliados poidan compartir vehículos no campo de batalla. Un grande xogo con voces en inglés e textos en español que é de agardar que cando chegue para o público xeral teña un prezo de 6,49 euros.


O xogo para Windows Phone 8 visto en vídeo
ACTUALIZACIÓN (13-6-2013): O xogo xa non está dispoñible de balde, podende adquirirse por 6,49 euros.

PUBLICIDADE