Mundotoro TV mata a canle Toros de Movistar Plus+

martes, 21 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

A canle temática Toros de Movistar Plus+ cesará as súas emisións o vindeiro 23 de marzo, deixando de cobrarse aos subscritores a partir do 1 de marzo, poñendo fin a unha traxectoria de máis de tres décadas (se contamos a etapa de Canal+), por considerar que xa non era viable. Curiosamente a semana pasada dende Movistar Plus+ aseguraban non ter previsión do peche da canle.
Aínda que poderiamos pensar que a caída de público é a que levou á inviabilidade da canle, detrás da decisión está a emerxencia dunha plataforma dixital, Mundotoro TV, que arrincará o vindeiro 15 de marzo, e combinará abonos anuais, mensuais, por feira ou por corrida solta, e que como grande reclamo terá os dereitos das retransmisións festivas de Las Ventas de Madrid e da Maestranza de Sevilla.
Temos aquí unha curiosa situación na que a canle Toros tivo que enfrontarse a un competidor á hora de adquirir os dereitos televisivos das principais corridas do ano, quedando fóra de xogo, deixando agora como único actor unha plataforma OTT, escenario que probablemente veremos como nos vindeiros anos se repite en moitos outros ámbitos.

PUBLICIDADE