Mundos Digitales busca a talentos mozos na creación de personaxes de videoxogos

xoves, 1 de xuño do 2023 Marcus Fernández

O Congreso Internacional de Animación, Efectos Visuais e Novos Media Mundos Digitales inclúe entre as súas actividades un Concurso Xuvenil de Deseños de Personaxes para Animación e Videoxogos, co apoio da Deputación da Coruña, certame pensado para que a mocidade demostre o seu talento creativo, que conta cun premio de excepción: un obradoiro de creación de personaxes impartido polo prestixioso deseñador Marcos Raya.
Este certame está aberto até o vindeiro 13 de xuño e permitirá aos amantes dos videoxogos e a animación de entre 12 e 18 anos poidan demostrar o seu talento dando vida aos personaxes Sambo e Lima para os que achegan unha descrición que haberá que plasmar graficamente.
O xurado do concurso estará composto polo propio Marcos Naya, un representante da Deputación da Coruña e un representante de Mundos Digitales Transmedia S.L. Valorarase a creatividade, o estilo, a imaxinación, a personalidade e a expresión dos personaxes creados para decidir quen serán os gañadores. Os participantes tamén poderán acudir previamente ao obradoiro de creación de personaxes que Marcos Raya impartirá o vindeiro 5 de xuño na Coruña.